Artículos publicados en La Opinión A Coruña

Monday, October 10, 2005

Anxo Quintana: “Vai ser difícil que Touriño e máis eu teñamos o mesmo concepto de nación"

© Víctor Echave


O vicepresidente do Goberno da Xunta non observa discrepancias importantes no seo do Executivo, pero non dubida en recoñecer o que lle separa dos socialistas tanto no que se refire ao concepto de nación como á financiación das autonomías. Anxo Quintana, dende as súas responsabilidades no equipo que dirixe Emilio Pérez Touriño, trata agora de facer realidade o ‘país novo’ que o BNG prometeu nas últimas eleccións


Anxo Quintana (Allariz, 1959), o máximo responsable do nacionalismo galego dende o ano 2003, ten asumido con soltura as súas novas responsabilidades na vicepresidencia da Xunta, tamén como o rostro máis visible da primeira experiencia do BNG no Goberno galego. E dá a impresión de levalo ben, aínda que ás veces trascendan máis as desavenencias co PSOE.
–A sensación que mellor define a nosa posición hoxe é a da ilusión. Creo que existe unha gran ilusión na cidadanía e unha grande expectativa respecto do que pode facer este Goberno. E nós compartimos esa ilusión. Para min non son noticias destacables as discrepancias que se podan ter producido porque sempre foron de matiz e, ademáis, creo que interesantes dentro dun Goberno plural.
–Touriño ten dito confiar en que tanto vostede coma el teñan a mesma idea de nación á hora de referirse a Galicia. Comparte esa esperanza?
–Vai ser difícil que teñamos o mesmo concepto de nación, pero penso que o que si podemos e debemos é traballar para que o que nós queremos para Galiza dende as nosas diferentes posicións se poda sintetizar nunha única posición arredor dun novo Estatuto. O que temos que conseguir, entre outras cousas, nesta lexislatura é romper con esa cultura da uniformidade que Fraga e o PP intentaron impor durante 16 anos. Agora o que toca é a cultura da diversidade.
–Dígalle aos cidadáns, que só entenden de cousas prácticas, de que lles vai servir que Galicia sexa nación.
–Por si só, para poucas cousas. Pero que Galicia teña o estatus de nación e que, polo tanto, teña un Estatuto de nación vai servir para que Galiza teña máis autogoberno e máis posibilidades de poder diseñar o noso futuro por nós mesmos. E canto máis autogoberno teñamos vai haber moitas máis posibilidades de acadar benestar para os cidadáns de Galiza.
–Máis ala do respeto que lle merece a vontade dos cataláns, que lle parece o seu proxecto de Estatuto?
–O texto é producto dun traballo conxunto de moito tempo —e demostrativo da vontade inequívoca de autogoberno da cidadanía de Cataluña— plasmado nese 90% dos seus representantes que votaron afirmativamente. Penso que é unha oportunidade e non un problema, e así o deberíamos de ver. E, ademáis dese respeto que nos merece, pensamos que vai ser unha oportunidade para que o Estado español se recoñeza a si mesmo e para que empecemos, sen dramatismos, a recoñecer que o Estado español está composto por varias nacións. Cataluña sen dubida é unha delas, e Galiza tamén.
–Logo, o BNG votará a favor.
–Nós imos seguir o noso criterio de apoiar o que os Parlamentos autonómicos aproben por maiorías democráticas. E moito máis se vén respaldado polo consenso que trae este Estatuto. Eso non quita que o traballo no Congreso dos Deputados sirva para facer aportacións que poidan mellorar o texto. En calquera caso, pensamos que ese debate, tamén no Congreso, ten que estar liderado polas forzas políticas catalanas.
–Non comparte entón as reservas amosadas polo presidente galego respecto das reivindicacións financieras do estatuto catalán.
Eu creo que en Galiza o que temos que facer no ámbito da financiación autonómica é diseñar a nosa propia proposta convencidos de que non hai autonomía política real sen autonomía financeira. E debemos aproveitar o deseño da nosa proposta para derrumbar esa idea da Galiza pobre que precisa necesariamente da caridade do Estado para subsistir. Temos que transmitirlle aos cidadáns a nosa disposición a responsabilizarnos do noso; sermos capaces como Goberno de xenerar recursos propios que financien o noso gasto. Esa é a auténtica autonomía política e para eso temos que pelexar dende Galiza. Eu creo que no concerto estatal Galiza non pode seguir sendo espectadora, non pode estar unicamente para opinar sobre os modelos que se propoñan dende outras partes. Nós temos que ter a nosa propia proposta, ser protagonistas na política estatal e con ela sentarnos nesa mesa multilateral que sen dubida se terá que conformar e alí discutir sobre o modelo global. Pero para eso temos que ter a nosa proposta e eu, dende logo, creo que é mellor centrar a atención en facela que en preocuparnos da dos demáis.
–Vai ser mellor esperar a que o PP teña novo líder para negociar?
–Eu creo que é necesario que antes de que remate o ano o Parlamento galego poña en marcha a ponencia de redacción do novo Estatuto. E creo que para ese traballo é necesario que o Partido Popular colabore. Ten que ser un traballo de todas as forzas políticas, cada un dende as súas posturas. E eu por eso espero que o PP abandone o tremendismo no que está metido porque por ese camiño non se vai a ningunha parte. Me preocupa máis o tremendismo no que está instalado o PP e ese desexo que se ve nalgúns dirixentes de seguir miméticamente a estratexia desa extrema dereita que controla ao Partido Popular en Madrid. Me preocupa moito máis eso que o proceso interno do PP en Galicia, para o cal desexo a mellor das solucións e o mellor dos éxitos.
–Esa estratexia é do PP ou de Fraga?
–Eu o que vexo é dirixentes do Partido Popular, non todo o Partido Popular. Dirixentes que parecen dispostos a seguir esa estratexia do PP de Madrid. A min eso non me parece o mellor dos camiños e espero que abandonen ese sendeiro para volver a recobrar sentido de país, sentido común e sentido do ridículo.
–Haberá ponencia aínda que o PP non quera sentar nela?
–Eu aspiro a que o PP participe. Creo que son todos os grupos parlamentarios os que deben ser protagonistas desa ponencia, que non debe estar monopolizada nin liderada por ninguna forza e por tanto tampouco polo Goberno. Espero que o PP, como o grupo máis numeroso, non só participe senon que colabore na súa creación.
–O pregunto porque xa en dúas ocasións ameazaron con non participar…
–Eu espero que as palabras de Fraga se deberan máis ao ardor dun debate que a unha reflexión profunda. e que no momento en que se constitúa esa ponencia o PP participe, porque ninguén entendería algo diferente.
–Boa parte da credibilidade do bipartito vaise xogar nos medios de comunicación, públicos e privados. E xa estamos a ver discrepancias na Crtvg...
¿Discrepancias?
–Sí, no caso da Radio Galega…
–Para min o máis importante é que se entenda que se acaban de facer uns nomeamentos transitorios. O único nomeamento que lle corresponde ao presidente é o do director da Radio Televisión de Galiza, que asume con carácter transitorio a dirección ata que o Parlamento aprobe a nova lei. Unha lei que este Goberno ten un compromiso de impulsar e que significará que o próximo director sexa eleito polo Parlamento por unha maioría cualificada. Un proxecto que vai intentar institucionalizar os medios públicos como medios ao servicio da información xeral para tódolos cidadáns e non como medios gubernamentais. Eso é o maís importante arrespecto dos medios públicos que este Goberno pode facer.
–E no caso dos privados?
–Eu son partidario de que a relación cos medios privados non sexa unha relación motivada pola información senon polo carácter empresarial. A relación do Goberno cos medios ten que ser a mesma que se pode manter con calquera outro tipo de empresa á que o Goberno, cun carácter estratéxico, pode axudar para a súa expansión, para a súa innovación ou para a creación e consolidación dun espacio galego de comunicación. Temos que abandonar as liñas de colaboración que teñen de por medio o condicionante da información para ir a liñas puramente empresariais ó mesmo nivel que as que se poden ter con calquera outro tipo de empresa.
–A anunciada reforma electoral beneficia a nacionalistas e socialistas…
–Penso que se ten feito unha lectura parcial das palabras do conselleiro de Presidencia. A reforma que pretendemos impulsar vai moito máis alá do reparto de escanos por provincias, cuestión que haberá que matizar no seu momento. Penso que o conselleiro de Presidencia fixo unha boa exposición ao respecto duna nova lei electoral ambiciosa e que intente resolver algúns temas pendentes, como é o voto emigrante ou como pode ser a dinámica das campañas electorais ou a representación dos cidadáns no Parlamento. Eu penso que eso é algo necesario e que teremos que facer buscando o consenso necesario de tódalas forzas porque esta é unha norma que nos atañe a todos.
–O Goberno central non parece disposto a aceptar o dominio territorial de Internet para Galicia. Van insistir nelo?
O importante é que Galiza teña o seu propio dominio en Internet e a Consellería de Industria ten iniciado xa os trámites para así facelo. Creo que as interferencias do Goberno do Estado neste caso nin veñen a conto nin serían explicables. Así o entendemos e así o estamos a facer porque penso que é unha demanda da sociedade e porque ademais é un novo símbolo da identificación nacional ó que non temos por que renunciar.
–Pero o modelo será só o de dominio lingüístico…
–Sí, o das tres letras.
–Cal é a súa relación con Beiras? É recuperable para a nova administración?
–A nosa relación é normal e eu diría que cordial. Hai ben poucos días tivemos a oportunidade de charlar novamente. Demostroume unha vez máis seguir tendo unha gran capacidade de análise arrespecto da actualidade. Sempre ten aseveracións que facer de sumo interese e que eu escoitei con sumo agrado. E dame a sensación de que o último interese de Xosé Manuel Beiras en este momento é participar de ningún tipo de administración, entre outras cousas porque el debe e pode prestarlle grandes servicios ao país e non lle fai falla facelo dende a administración, aínda que pode efectivamente xogar papeis importantes nos que poidamos aproveitar todo o seu capital político.
–No 2001 o BNG abriu una fonda reflexión sobre o seu retroceso electoral e mesmo fixo autocrítica polo ocorrido. Porque non se ten feito o mesmo en 2005, tendo un retroceso ainda máis grande?
–Autocríticas, as mínimas; polo menos as imprescindibles e as necesarias, porque se non pasarían de ser autocríticas a ser flaxelacións absurdas. O Bloque, efectivamente baixou —me parece que 20.000 votos— nestas últimas eleccións, pero conseguiu un obxectivo ata agora inalcanzable, como era colaborar na conformación dunha nova maioría, derrotar a maioría absoluta do PP e ter responsabilidades de Goberno. Penso que ben valen 20.000 votos. Eu penso que o Bloque ten moi ben analizado cal é a súa posición política no país. Ten ademais moi ben conceptualizado cales son as súas inmensas posibilidades no novo tempo político e dende logo vamos a aproveitar a nosa estancia no Goberno, primeiro para facer unha xestión eficaz e segundo para construir país, que é o noso gran reto no
Goberno.
–Que lle parecen as queixas do máximo responsable de Esquerda Nacionalista, quen pensa que a súa formación foi marxinada no novo executivo… –Teño que respetar todas as opinións. Calquera pode entender que o encadre das persoas a veces resulta complicado. É bó que todo o mundo pretenda participar pero a veces resulta difícil poder dar resposta a tódolos desexos. En todo caso, penso que o cadro final que queda é moi bo para o BNG e para o país e estou seguro ademáis de que o conxunto do BNG está hoxe moi ilusionado detrás do Goberno para aproveitar a oportunidade histórica que ten Galicia e que tamén ten o nacionalismo.
–Non teme que as contradiccións entre o PSdeG e o PSOE podan pasar factura ao Goberno?
–Téñoche que recoñecer que, a verdade e de momento, non vexo absolutamente ninguna tensión entre o PSdeG e o PSOE. E atrévome a decir máis: se houbera algunha de vez en cando tampouco pasaría nada e penso que mesmo sería perfectamente xustificable. En calquera caso, a miña intención non é provocar ningún tipo de tensión dentro do Partido Socialista, pero todos debemos ter a convicción de que defender os intereses de Galiza ás veces leva a marcar certas distancias con respecto a Madrid. O BNG é especialista nesa materia e eu penso que se nalgún caso o PSdeG fai o mesmo con respecto ao PSOE non só non pasará nada senón que mesmo será positivo.
–A lóxica política esixe unha moción de censura en Vigo?
–A miña lóxica será a que marquen os propios cidadáns de Vigo e as forzas políticas alí representadas.
–Custoulle moito estreitar a man do alcalde da Coruña?
–En absoluto. Eu son unha persoa cordial que sempre practica o respecto institucional. Esta vicepresidencia é a casa de todos os alcaldes de Galiza independentemente do seu color político.
–A pesar de ser unha das bestas negras do BNG?
–O nacionalismo galego non ten bestas negras, o que ten é unha idea de país na que cree firmemente e, polo tanto, se mostra terriblemente distante dalgunhas actitudes que parecen ás veces negar o propio país. Eu son partidario sempre da confrontación das ideas e nunca da confrontación das persoas.
–Vai ser comprensivo entón co incumplimento do topónimo da cidade?
–Non, como che dicía antes, nós temos unha idea de país, un respecto pola súa cultura e polo seu idioma e nese caso un respecto tamén pola legalidade. Polo tanto a nosa postura a ese respecto está clara e non admite interpretacións. Admitimos todas as opinións diferentes á nosa pero o que non podemos é compartir posicións que intenten negar a existencia de Galiza como país.
–Van insistir na necesidade de reformar a lei de Caixas de Aforros para garantir a súa contribución ao desenvolvemento do país?
–A nós nos parece que é importante traballar para que as Caixas teñan a súa propia dinámica, que por parte do Goberno non haxa unha continua labor intervencionista. Pero ao Goberno cábelle a responsabilidade de marcar criterios, definir obxectivos, e preparar escenarios. Nese sentido penso que é necesario que as Caixas fagan unha aposta decidida pola economía productiva, por apoiar a estruturación do empresariado galego que axude a conformación de conglomerados de raíz galega que interveñan de forma positiva na economía e que axuden a que Galiza gane posicións favorables en sectores estratéxicos. Eu penso que ese é o labor que teñen que facer as Caixas e creo que o Goberno da Xunta ten a responsabilidade de marcar eses obxectivos respectando a autonomía de funcionamento das propias Caixas de Aforros.

0 Comments:

Post a Comment

<< Home