Artículos publicados en La Opinión A Coruña

Saturday, October 01, 2005

Emilio Pérez Touriño: “Se tivera escano no Congreso emendaría o Estatuto catalán”

© Víctor Echave

Leva dous meses aplicándose no oficio de presidente do Goberno de Galicia e apenas unha semana como inquilino da residencia oficial de Monte Pío. Emilio Pérez Touriño pon a mesma convicción na defensa da palabra nación para referirse a Galicia que na expresión das súas reservas ó modelo financeiro aprobado por Cataluña para o seu Estatuto, mentres asume con naturalidade que o BNG sexa socio e oposición ó mesmo tempo

Dous meses no cargo e xa está acostumbrado, dí, ó seu novo oficio de presidente da Xunta. Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948), acaba de estrearse, pero non dubida en poñer data límite ó seu mandato.
—Penso que sería bo, e así mo aplicarei, establecer un límite ao mandato continuado do presidente da Xunta. Creo que é bo facilitar de maneira case automática a renovación e o cambio, tamén no liderado do país.
—¿Como uso xeral ou como norma?
—Teriamos que poñernos de acordo e eu tratarei de impulsarlo. Paréceme que sería bo que entre todos acordásemos limitar os mandatos presidenciais a dúas lexislaturas consecutivas e, en todo caso, eu aspiro a ter un período de oito anos de traballo que teña continuidade pero con outra persoa.
—En que van notar os cidadáns o cambio?
—O cambio en Galicia ten que ser antes que nada a mellora da calidade democrática. Outra forma de gobernar. Cambiará a relación entre o poder político e a cidadanía. O cambio é transparencia e ten que ser proximidade. Por iso a primeira lei que aspiro a que entre no Parlamento de Galicia será unha Lei de Transparencia que estableza un código de conduta do Goberno, que achegue claridade e rigor nas subvencións, na utilización dos recursos públicos.
—Ten dito que a súa política será de suma e integración. Pero ao mellor o PP non está polo labor, como parece anunciar o tema do Estatuto. ¿Vai buscar o acordo coa oposición mesmo en asuntos nos que non precisa o seu apoio, como a reforma electoral?
—A reforma estatutaria é un exemplo do que debe ser dialogar. Teño un certo grao de preocupación, porque as escasas veces que nos temos referido nestes dous meses á reforma do Estatuto de autonomía foron para que Manuel Fraga levantase a man e puxese condicións e ameazase con non participar baixo o lema de que España pode desfacerse. Non é sensato a estas alturas atribuírlle ao Partido Socialista e ao presidente da Xunta a vocación de desfacer España ou Galicia. Non é máis ca un tremendismo e unha desculpa cuxo alcance non acabo de entender e que espero non ter que entender. Manuel Fraga sabe perfectamente que a miña vontade de respecto á Constitución é plena. É necesario estar en disposición de sentar a falar. Só no tema estatutario? Non, No tema estatutario é imprescindible, pero eu falei na campaña dun pacto polo emprego, dun compromiso coa educación e coa cultura, e dun acordo polo territorio. Pode haber lexitimamente posicións moi diferentes, pero o que non pode haber son condicións inescusables. As tres forzas políticasparlamentarias teremos que decidir se estamos de verdade en disposición de dialogar. O Partido Socialista estao, o BNG cónstame que tamén e espero que o PP se defina na mesma dirección.
—Non menciona a lei electoral...
—Evidentemente, para a lei electoral é necesaria unha vontade de acordo. Está destapando algúns temores e desconfianzas nas provincias interiores. E sobre isto eu tería que dicir que a prioridade do Goberno do cambio é o reequilibrio territorial, a discriminación positiva e frear o declive demográfico da Galicia interior. O futuro de Lugo e de Ourense non depende do número de deputados. Depende de que sexamos capaces de atopar un conxunto de elementos de acción pública para cambiar unha tendencia que os está levando a unha calexa sen saída. O número de deputados nunca pode ser completamente proporcional á poboación. Polo tanto, que ninguén teña ningún temor nese sentido.
—Reducirán a porcentaxe de acceso ao Parlamento e cambiarán o voto emigrante?
—Non están aínda traballadas as bases dunha posible reforma electoral, pero son temas nos que hai que entrar. Sen dúbida hai un problema en relación co voto emigrante que teriamos que tratar e o tema de rebaixar ou mover limiares son cuestións que necesariamente haberá que falar. Pero aínda é moi cedo.
—A ordenación do territorio parece preocupar moito a Fraga. De que fala coando se refire ás rexións?
—Cando me teño referido ao ámbito da ordenación do territorio, a figuras novas, non se trata de figuras administrativas que substitúan ou sexan paralelas ás existentes. Podemos falar en terminoloxía de urbanismo, non no aspecto institucional como interesadamente o está a tomar o PP para sementar a confusión. Son espazos funcionais. E aí é onde entran conceptos como o de rexión, área urbana ou espazo supracomarcal, sen que iso teña que querer dicir ningunha figura administrativa, que é o que lle preocupa ao PP aínda non sei por que.
—Logo non haberá estrutura administrativa comarcal.
—Non.
—Na investidura deixou claro que non haberá cambio sen poñer fin á opacidade, á discrecionalidade e ao partidismo. Unha declaración sobre a que existe aínda moito escepticismo...
—O escepticismo só se pode combater coa práctica e a toma de medidas. A sociedade galega ten todo o dereito do mundo a sentirse escéptica, porque se algo caracteriza á vida galega durante décadas é precisamente esa pauta cultural que parece unha regra natural da política. Comprendo que haxa escepticismo, pero iso non me preocupa, porque sei que se transformará en confianza se cumprimos. E imos cumprir.
—Están trabucados, daquela, os que pensan que vai continuar o fluxo de cartos a algúns medios privados para que falen ben da Xunta?
—Nos medios de comunicación privados é fundamental achegar claridade e transparencia, que non sexa unha relación por debaixo da mesa. Se os medios de comunicación privados necesitan, por razóns de interese xeral, manter algún tipo de axuda, ese tipo de subvención non pode ser discrecional, ten que saberse con luz e con taquígrafos.
—Para cando esa luz?
—Pois espero que canto antes. Traballamos na dirección de que se poida aplicar xa nos próximos orzamentos.
—A repartición salomónica de postos na Crtvg entre o PSOE e o BNG decepcionou.
—Eu deposito toda a esperanza no nomeamento do responsable da Crtvg, unha persoa que ten demostrado un grao importante de independencia. A partir de aí espero que teña capacidade para buscar o equipo e incorporar as sensibilidades que forman parte do goberno pero sen que signifique que a televisión sexa un puro aparato ó seu servizo.
—Despois de anos de fondos estruturais, asomámonos a un período moito máis complicado. Son perspectivas sombrías.
—Efectivamente vai haber unha redución paulatina dos fondos europeos, é un dato co que temos que operar. Polo tanto temos que extremar a nosa capacidade de aforro e de definir os mellores proxectos. E iso vai máis alá da vontade do presidente. Temos un potencial de crecemento importante e temos que apostar decididamente por unha mellora substancial na produtividade.
—Vai haber que cambiar o plan contra incendios?
—Este ano o que fixemos foi poñer máis recursos enriba da mesa. A partir da experiencia, a base do sistema operativo ímola manter pero a Consellería de Medio Rural traballa na súa mellora. Haberá elementos que é altamente probable que se modifiquen. Pero a base do sistema operativo non a imos cambiar porque responde e representou un elevadísimo investimento.
—Como vai a revisión das decisións tomadas polo goberno en funcións?
—Certamente o que significa revisar, na maioría dos casos é inviable porque xa hai obrigas contractuais que significarían danos a terceiros, reclamacións e finalmente danos á facenda pública. Non será fácil. Hai casos nos que si. Falo das últimas dúas adxudicacións da Cidade da Cultura, una delas o teatro da ópera. Ou das minicentrais eléctricas.
—Non no caso das novas licencias de televisións.
—É complicado. No caso de se producir un recurso tería que ter base xurídica por un defecto de forma e non parece ser o caso. Polo tanto é probable que se teñan que manter.
—É sostible que o BNG estea no Goberno e na oposición?
—Temos que acostumarnos, probablemente eu o primeiro. A cultura da coalición non ten nada que ver cun goberno de maioría absoluta. Hai dúas formacións que comparten un obxectivo pero que necesitan expresarse marcando os seus matices e as súas diferenzas, porque compiten electoralmente. Eu creo que non cuestiona nada, a min non me dificulta o labor de gobernar. Evidentemente é máis fácil remar con todo na mesma dirección que remar ás veces contra un vento que sopra forte de fronte. O que si é importante é garantir a unidade do goberno e síntome especialmente satisfeito co comportamento de todos os conselleiros e do propio vicepresidente.
—Que lle parece como quedou o estatuto de Cataluña?
—Responde a un grande acordo nacional catalán, onde hai un gran peso de forzas cunha profunda vocación de país. É unha aposta moi potente, moi forte, por parte de Cataluña. No terreo identitario nin me parece ben nin mal, non me cabe máis que entendelo e asumir que os cataláns se ven a si mesmos desa maneira. Preocúpame —e si teño algo que dicir, claramente— cando se formula que o financiamento e a solidariedade en España se decida bilateralmente. España é obra de todos e un proxecto común de convivencia non o pode determinar unha parte porque nos afecta a todos. Polo tanto aí si creo que temos que ter unha especial sensibilidade e bo facer para que o produto final sexa respectuoso co que queren a maioría dos cidadáns de Cataluña pero que nos sirva tamén aos demais, e en particular aos galegos, que nos xogamos moito, moitísimo, no terreo da solidariedade e do financiamento.
—Se Touriño tivese escano no Congreso como mínimo presentaría unha emenda...
—Pois seguro que si.
—Porque sería bo que Fenosa estivese en mans de capital galego?
—A vinculación entre o capital nunha economía globalizada e o territorio é mínima, cada vez menor. O máis importante dende os intereses estratéxicos de Galicia en materia enerxética é que as empresas teñan musculatura financeira, sexan boas empresas. Esa é a miña preocupación primeira e non os apelidos, se un é máis ou menos galego. Por exemplo, cando se fala agora do tema do presidente, dun presidente galego ou non galego: sobre todo que sexa un bo presidente, que a empresa funcione ben e ademais se é galego magnífico, sería unha magnífica noticia. Polo tanto estou interesado, como non, en que así sexa, pero de aí a convertelo nunha guerra...
—Sería José Luis Méndez [o presidente de Caixa Galicia] un bo presidente de Fenosa?
—Un galego con capacidade de xestión, con capacidade empresarial, efectivamente sería sempre un bo presidente de Fenosa, un bo líder, un bo xestor empresarial e sendo galego seguro que sería un bo presidente. En todo caso, non creo que teñan demasiado sentido discursos patrióticos exacerbados e de curto percorrido en relación con este tema. O que máis valoro positivamente da iniciativa de empresarios galegos que tomaron a decisión, que afrontaron a decisión de tomar peso e parte nun ámbito tan importante como o enerxético a través de Unión Fenosa, é precisamente ese saltar á area, ese comprometerse, ese querer arriscarse e innovar, e poñer recursos e financiamento nunha área importante para Galicia. Iso si é un dato moi positivo pero non se debe esgotar en Fenosa. Hai moitas máis posibilidades, hai moitos máis cambios, e o que quero incentivar, compartir, e dicirlles aos empresarios galegos é que asuman esa posición de risco, de compromiso, de lanzar proxectos. É moi importante e hai moito campo de actuación, por iso a miña valoración, máis alá do síntoma que deu de decepción ou de pequena decepción que apareceu, eu querería establecer unha mensaxe positiva. Cando os empresarios galegos se moven, cando están dispostos a unirse en proxectos comúns, eu creo que temos todo por diante.
—A nación da que vostede fala é a mesma da que fala Quintana?
—Espero que si, que todos esteamos falando de Galicia. Se queremos avanzar necesitamos poñernos de acordo. O máis importante non é o que poida pensar, o concepto, a idea. O máis importante é que Galicia non se pode quedar atrás, que necesita camiñar de présa en todos os terreos e na reforma estatutaria tamén. Non quero entrar na derivada quinta de curso de doutoramento de se debe ser unha nación dunhas ou doutras características. O que me importa é que sexamos capaces de poñernos de acordo para que Galicia gañe en peso institucional, en peso político, en presenza, en respecto, en capacidade de decisión, dentro de España. Isto é o que me interesa.
—Como son as relacións no terreo persoal con Quintana. Falan a miúdo?
—No terreo persoal creo que temos unha boa relación. Somos dúas persoas de características bastante flexibles e dun talante razoable. E nese sentido hai una boa química. Non nos custa traballo falar ou chamar por teléfono. Iso é bo e positivo estou seguro que se incrementará coa convivencia. E no terreo máis formal procuramos manter todas as semanas un contacto estable para poñer as cousas en común. Creo que imos ben, síntome cómodo.
—Fala tamén con Fraga?
—A verdade é que este mes non, pero teño previsto manter algún contacto para falar dos temas máis importantes que temos diante.

0 Comments:

Post a Comment

<< Home